Monday 06 de May de 2024

Raphael celebrará na Coruña os seus 60 anos sobre o escenario co seu espectáculo ‘Raphael 6.0’


O cantante actuará o 11 de xuño no Coliseum e as entradas sairán á venda este xoves, 10 de febreiro, ás 12.00 horas

Raphael volverá actuar na Coruña este 2022. O cantante retoma a súa actividade para celebrar os seus 60 anos sobre os escenarios cun concerto moi especial da súa xira ‘Raphael 6.0’, que acollerá o Coliseum o próximo sábado 11 de xuño.

O artista fará parada na Coruña dentro da súa xira nacional e internacional. Fará un extenso repaso da súa carreira e aquelas cancións que se atopan xa no imaxinario colectivo. Tamén interpretará as novas cancións que compoñen o seu álbum ‘Raphael 6.0’, que chegou ao máis alto das listaxes de éxitos a nivel nacional.

O artista continúa a ter unha extensa actividade. Ademais desta nova xira, Raphael presentou o seu novo disco de duetos e a serie documental ‘Raphaelismo’. As entradas para o seu concerto no Coliseum da Coruña sairán á venda o próximo xoves, 10 de febreiro, a partir das 12.00 horas. Estarán dispoñibles, como é habitual, nas plataformas Ataquilla e El Corte Inglés a través de Internet e no despacho de billetes do quiosco da praza de Ourense. Os prezos¡ irán dos 35 aos 70 euros en función das localidades escollidas.

O nome de Raphael súmase a unha ampla listaxe de músicos que pasarán este 2022 polo Coliseum da Coruña. O recinto municipal xestionado polo IMCE recupera desta maneira unha extensa programación que inclúe os mellores artistas nacionais de actualidades e actuacións internacionais de gran calidade. Cabe destacar, entre outros, a actuación de C. Tangana o 26 de febreiro, nunha das poucas datas do artista en España. Tamén regresarán ao recinto grandes nomes da música nacional como Fito & Fitipaldis (18 e 19 de marzo), Leiva (30 de abril, Joan Manuel Serrat (8 de xullo), Malú (17 de setembro) ou Melendi (22 de outubro).

Completan a oferta Van Morrison (31 de marzo), Il Divo (15 de xullo), Camilo (21 de xullo) e o Resurrection Day (8 de outubro).